O ensaio identifica no sistema educativo unha serie de subxectividades e de arquitecturas organizativas que forman parte da cultura neoliberal hexemónica en Occidente. Os procesos de privatización e individualización que se fundamentan na estigmatización, segregación e degradación do ensino público, representan un perigo e un desafío para o cumprimento dos obxectivos ideais de ben público, de balde e de acceso universal.
As mudanzas das formas estruturais tradicionais cara outras en rede, de subcontratas ou de tipo trevo, camiñan cara formas privatizadoras en todos os seus niveis, ao mesmo tempo que modelan de xeito diferenciado unha serie de novas subxectividades.
A presenza da Covid-19 acelerou os procesos privatizadores desencadeados polo plan Bolonia mediante a implantación intensiva das TIC, que envoltas polo mito da neutralidade representan para Boaventura de Sousa Santos novos desafíos "como por exemplo a dixitalización do coñecemento, do ensino e da aprendizaxe".
Na actualidade ninguén cuestiona conceptos como "ciclo económico" ou a "importancia do empresario e do emprendedor" de xeito que a innovación converteuse nun dos piares da industria das TIC e da sociedade en xeral. O alcance dos efectos desta política neoliberal, sobre o sistema público de ensino, dependerán da racionalización e da interiorización dunha submisión, previamente aprendida na sociedade e nas propias estruturas escolares, cara un poder que interpela a natureza dos individuos para xustificar a súa implantación.