A presente publicación integra a edición da colección de diplomas medievais en pergamiño de Santa Comba de Naves, priorado do mosteiro de San Salvador de Celanova, constituída por 266 documentos. A colección diplomática vai precedida dun estudo introdutorio que constitúe unha caracterización xeral do conxunto diplomático en foco, ademais dunha aproximación á atención que ten recibido o mosteiro por parte da investigación. Aténdese, particularmente, á definición do corpus documental en pergamiño de Santa Comba, ás vicisitudes históricas que experimentou, á tipoloxía documental, aos redactores e ás variedades lingüísticas empregadas na escrita dos pergamiños. A obra complétase cunha serie de anexos que achegan a transcrición de documentación complementaria á presentada á colección diplomática, unha reconstrución da configuración do acervo de Santa Comba no arquivo do cenobio celanovés e, finalmente, os preceptivos índices de pergamiños, documentos, antroponímico e toponímico.